Mercedes, Avoa.

Son a avoa de Mateo, un neno con diabetes desde os 20 meses.

Como te das conta de que un bebé está a sufrir porque ten a glicosa polas nubes? Non o sabes, nin o imaxinas, nin o esperas e despois te sentes culpable.

Todo comezou un nadal, a alegría de que ía ter un irmán e un primo, as miñas  fillas, estaban embarazadas ao tempo, sumouse a preocupación por Mateo, o meu pequeno comezou a adelgazar.

Antes a dúbida. Levámolo ao pediatra e  fíxolle a analítica. Todo ben! Como pode ser? pensaredes, pois aínda hoxe non o sabemos. O neno seguía mal, de feito non quería xa nin andar, choraba e doíalle todo, pero con 20 meses case non falaba así que non podía dicir que lle pasaba. Ata que os pais decidiron ir a urxencias, tiña a glicosa por encima de 500,

como non ía estar mal?. Aínda se me caen as bágoas pensando o que sufriu esa semana, dende o resultado erróneo  da primeira analítica ata o ingreso.

O diagnóstico é que Mateo ten diabetes tipo 1, por qué? Despois de aceptalo, vén a realidade, as picadas no dediño para controlar a glicosa, as picadas de insulina, controlar as comidas, unha serie de cousas que nos superaba ao principio. Dez días de hospital para

controlar e regular a súa glicosa e a súa insulina.

Cando a súa nai volve a traballar queda comigo. Os primeiros días recoñezo que sentía pánico, que o picaba máis do debido porque igual víao pálido ou por calquera cousa. As picadas co bolígrafo, unha proba para el e para min, o choraba e eu tremía, e claro , ás veces non entraba ben a insulina, e subía, e eu sentíame culpable. Despois veu o sensor e logo a bomba, que foron un alivio para todos.

Agora, con 5 anos ás veces pregunta porqué é diabético, que contestar? tratamos de explicarlle que son cousas que lle pasan a algúns nenos, pero claro, non o entende, nin sequera o entendemos nós.