Paula, dt1 e dt3, paciente e nai

Ola, chámome Paula e quero contarvos a miña experiencia como mamá con diabetes tipo 1 e como nai dunha nena con dt1.

Non vou negar que o tiven máis doádo que outros pais que non tiñan nin idea do que era a diabetes. A miña filla cando debutou xa sabía o que era un glicómetro e para que servían as tiras de cetonas, que era pesar e contar carbohidratos, de feito a miña filla cando debutou o primeiro que me dixo foi: “Mamá agora son igual que ti!”

Eu non pensaba o mesmo, o único que me viña á cabeza era a vida que lles esperaba, e non é fácil, inda que pareza que eu xa tiña medio camiño aprendido, porque que sí, eu se tratar a miña diabetes, pero agora tócame tratar a da miña filla, e por exemplo ten síntomas que eu nunca tiven como a dor de barriga nunha hipo, tiña que aprender como reaccionaba o corpo da miña filla e ensinarlle a coñecerse e reaccionar co que está a pasar e notando no seu corpo.

Eu debutei con 19 anos, pero Uxía, a miña filla, debutou con 5, e todas as idades teñen o seu, neste caso: aniversarios, colexio, extraescolares, excursións,…. Ir durmir a casa de amiguiñas que iso é outro cantar, dun día para outro as mamás das súas amigas xa non a convidan ás festas de pixama, e iso como nai enténdelo, que pode o descoñecemento e o medo dos pais, pero como nena non o entendes.

E o cole, o cole, unha loita que con 19 anos non pasei, porque era totalmente independente, non necesitaba a ninguén que controlase o que conleva unha diabetes tipo 1. Claro que eu o podo ter máis fácil no tema de dose de insulina, controlar hidratos, é dicir na parte médica e de cálculos (aínda que aquí dous e dous non sempre suman catro), pero o día a día na vida cotiá, non teño ningunha vantaxe, é igual ao día de calquera outro pai ou nai cun fillo ou filla con diabetes tipo 1, cos mesmas dúbidas e medos, estareino a facer ben?

A miña filla ten agora 8 anos e sei que me queda moito, moito por loitar co mundo, e moito que chorar con ela. Pero estarei ao seu lado para loitar e chorar, pero tamén para rir e vivir, pero no fondo seguireime preguntando porqué esta enfermidade non parou en min, ademais das mesmas preguntas do resto de pai e nais.