
A xornada “Vivir con Diabetes” en Santiago destaca a importancia da atención integral e multidisciplinar
A Asociación ANEDIA celebrou o pasado 7 de novembro no Edificio CERSIA Empresa de Santiago de Compostela unha nova edición da xornada “Vivir con Diabetes”, dentro das actividades do Día Mundial da Diabetes 2025.
Na apertura participaron Ángel Facio, xerente da Área Sanitaria de Santiago; María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago; e Ana Requeijo Constenla, presidenta do Colexio Oficial de Podoloxía de Galicia, quen destacaron o valor da colaboración institucional e a importancia de seguir dando visibilidade á diabetes tipo 1.
Durante a sesión interviñeron tres profesionais de referencia:
-
O Dr. Miguel Ángel Martínez Olmos, especialista en Endocrinoloxía e Nutrición do CHUS, falou sobre os novos camiños da endocrinoloxía e os avances tecnolóxicos que permiten un mellor control da diabetes.

-
O Dr. Javier Gómez-Ulla explicou a gran evolución dos tratamentos da retinopatía diabética e como a educación en diabetes e o uso de novas tecnoloxías están mellorando a saúde visual.

-
O podólogo Navor Pereira abordou os coidados do pé diabético e a importancia das revisións periódicas, reivindicando tamén a inclusión da podoloxía no sistema público de saúde como parte esencial dos equipos multidisciplinares.

A presidenta de ANEDIA, María José Rego, agradeceu a implicación de todos os profesionais e das familias, lembrando que “vivir con diabetes é un traballo constante, pero tamén unha mostra de forza, de aprendizaxe e de comunidade”.
A xornada de Santiago é a primeira das accións que ANEDIA está a desenvolver este mes en diferentes cidades galegas dentro da campaña “Vivir con Diabetes”, que busca dar voz e visibilidade ao día a día das persoas con diabetes tipo 1.