VI Xornadas de FAPsGal


As VI xornadas de FAPsGal en Vigo deixaron unha idea clara que resume moi ben o momento actual: INTELIXENCIA CLÍNICA, porque  a IA propón, pero o profesional prescribe.

Un punto de partida que se abordou xa desde a apertura por parte de Mercedes Pereira Pía, nun programa no que participaron perfís clave.

Ao longo das sesións puxéronse enriba da mesa cuestións clave:
👉 a necesidade de pasar dos datos á información real, apoiándose en indicadores útiles. O que non se mide non existe.
👉 O papel das redes de traballo, non o traballo en paralelo.
👉 a diferenza entre ruído e impacto real na práctica clínica
👉 e o uso de ferramentas e experiencias que xa se están a desenvolver noutros territorios

Pero, máis alá da tecnoloxía, o gran mensaje foi outro: o cambio que estamos a vivir non é tecnolóxico, é organizativo.

Falouse de traballo en rede, non como suma de esforzos illados, senón como unha verdadeira integración entre niveis asistenciais e profesionais. Un enfoque no que os profesionais de Farmacia de atención primaria en Galicia aparecen como un referente para o resto de España, pola configuación específica que fai que estén presentes nos centros de saúde cun traballo directo tamén co paciente e pola súa coordinación co resto do sistema, incluíndo a farmacia comunitaria.

Na segunda xornada, coincidindo cos 40 anos da Lei Xeral de Sanidade, reforzouse esta idea cunha visión de sistema: pasar de estruturas fragmentadas a un modelo conectado, cunha aposta clara pola intelixencia clínica.

Conceptos como o “círculo virtuoso” fronte ao “círculo vicioso”, ou a necesidade de que sen adherencia non hai terapéutica, puxeron o foco no realmente importante: que o coñecemento se traduza en mellores resultados en saúde.

Desde ANEDIA levamos tempo insistindo nesta liña:
💙 coordinación real entre profesionais
💙 integración da tecnoloxía con criterio clínico
💙 e un sistema centrado nas persoas

Porque no ámbito da diabetes, onde a cronicidade, a educación terapéutica e o seguimento continuo son clave, este enfoque non é unha opción, é unha necesidade.

Agradecer á asociación FAPsGal  a súa invitación a poder aprender máis do seu traballo.

E tamén dar os nosos parabéns ao equipo de Rosana Castelo do Centro de Saúde de Ribeira, e poñente no noso último Medrando, que acadaron o primeiro premio co seu traballo presentado a estas xornadas. Un traballo onde tamén participou Isabel, a traballadora social coa que tamén traballamos dende fai anos. Noraboa!

Seguimos aprendendo, escoitando e tecendos redes.