Quen Somos

Somos familias de toda Galicia que convivimos coa diabetes tipo1 e sabemos todo o que iso significa. Somos nais e pais que vivimos un debut diabético e de repente voltamos a casa despois do ingreso hospitalario e as dúbidas de todo tipo nos asaltan. Que temos que darlle de comer, contar carbohidratos, resolver hipoglicemias e hiperglicemias, calcular ratios, tempos de actuacións das insulinas, sensores de glicosa, capilares, bombas… Un novo idioma que se instala nas nosas vidas.

Somos xente nova que comezamos a levar o control da nosa diabetes, e que temos os nosos propios temores os que temos que sumarlle os dos nosos pais e nais, pero temos que asumir o noso autocontrol e vivir as nosas vidas, saír cos amigos, facer deporte, ir de excursión, durmir na casa dos nosos amigos, estudar fora, viaxar…

Pero tamén somos adultos que acabamos de debutar e nos asaltan moitos temores e dúbidas que non sabemos como resolver e non nos
chega ca axuda profesional. Ou somos adultos que debutamos fai moitos anos e sabemos de primeira man todo o que cambiou o mundo da diabetes e queremos saber máis e axudar se é posible os recen chegados.

Somos persoas que temos alguén achegado ou querido con diabetes, queremos entender un pouco máis o que significa a diabetes tipo1 e como podemos axudar no día a día. Tíos e tías, avós, madriñas, amigos, veciños, profesionais da saúde e da educación…

 

Historia

A finais do 2012 un pequeno grupo de nais e pais da área de Pontevedra toman a determinación de fundar unha asociación que loitase polas necesidadesdos seus fillos e fillas con diabetes xa que se sentían desprotexidos en moitos ámbitos como o educativo e o sanitario. A comezos do 2013 nace ANEDIA, Asociación de Nenos e Nenas con diabetes de Galicia e comezar a pelexar antes os diversos organismos públicos.

Aos poucos vai medrando e facéndose presente na maioría de áreas sanitarias de toda Galicia, no 2018 decídese ampliar a idade ata os 29 anos e cambiar a denominación de ANEDIA adaptándoa aos socios novos, Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia.

A nosa sede social está en Pontevedra na Casa Azul, pero estamos presentes nas catro provincias galegas.

 

 

Quen pode ser socio: Todos!

Nais e pais de nenos e nenas con diabetes tipo1 de Galicia.

Xente nova, entre 14 e 29 anos con diabetes tipo 1 de Galicia.

Persoas adultas con diabetes tipo 1, familiares, amigos e todos os que queiran axudarnos.

Asociate!

 

Cales son os nosos obxetivos?

a) Reivindicar a asistencia sanitaria, especializada e multidisciplinar para todos os afectados pola diabetes tipo1.

b) Instar as Administracións Públicas (Sanitaria, Educativa,. ..) para que proporcione tódolos medios precisos para o autocoidado da diabetes.

c) Proporcionar axuda social, sanitaria, psíquica, física, laboral, legal, terapéutica e de asistencia a tódalas persoas afectadas por Diabetes Tipo I

d) Defender os dereitos das persoas con diabetes co fin de conseguir a súa plena integración escolar, laboral e social.

e) Estimular, fomentar e propor o estudo, investigación experimental e clínica e desenvolvemento sobre as causas e tratamento da diabetes Tipo I.

f) Proporcionar información e unha axeitada Educación Diabetolóxica, teórica e práctica, a socios, familiares, escolas e poboación en xeral. Fomentar unha Educación Diabetolóxica de calidade para todos.

g) Potenciar as relacións entre os afectados e as súas familias para facilitar a axuda mutua en todo momento.

h) Establecer relacións con outras asociacións de persoas con diabetes e con outros colectivos relacionados directa ou indirectamente coa diabetes.

i) Promoción, intervención e integración de proxectos sociais, sanitarios, discapacidades invisibles e educativos.

j) Realizar tódalas accións precisas para o logro dos fins mencionados e que sirvan para mellorar a calidade de vida dos afectados pola diabetes tipo 1 e a das súas familias.

 

Que actividades realizamos:

– Celebración do Día mundial da diabetes tódolos 14 de novembro.

– Charlas educativas sobre nutrición e diabetes.

– Información sobre tecnoloxía e os novos dispositivos que poden facilitalo noso día a día convivindo coa diabetes tipo 1.

– Promoción do deporte en distintos ámbitos, a destacar a Milla Solidaria ANEDIA, unha carreira anual que ten lugar en Pontevedra no mes de Novembro.

– Intercambios con outras asociacións similares a ANEDIA para tomar contacto e pasar con eles un días inesquecibles.

– Formacións nos centros educativos e para persoal de Educación.

– Promoción de hábitos saludables entre os máis pequenos.

– Actividades culturais ao redor da diabetes e do mundo dos contos.

– Participación en eventos de carácter sanitario, social, deportivos para dar a coñecer os problemas e a realidade dos pacientes con diabetes tipo 1.

– Xornadas de encontro de familias

 

“ANEDIA aposta pola sanidade pública, pois é a única forma para poder afrontar mellor esta enfermedade. Por iso formamos parte da Plataforma Cívica SOS Sanidade Pública.”