Presentamos na Deputación da Coruña un novo libro dos Bolechas


Presentamos na Deputación da Coruña un novo libro dos Bolechas, “Manuela é nova na escola. Medrando con diabetes” , un libro que intenta servir como ferramenta para normalizar a situación nos centros de ensino.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto e parte da Directiva de Anedia, presentamos esta iniciativa que intenta contribuír á normalización dunha situación coa que conviven máis de mil familias galegas.

Dende Anedia agradecemos a colaboración da Deputación para a realización desta ferramenta que se adapta ás nosas necesidades e que tanto botabamos en falta. Para este libro contamos coa participación de mestres e mestras de educación infantil porque é preciso contar con colaboración dentro dos colexios.

Con este fin naceu Manuela, a protagonista da nova aventura dos Bolechas, unha “nena autónoma que quere ir ás excursións, ao comedor ou a comer castañas no magosto… porque, a pesar de ter diabetes, pode facer todo. Manuela vaille quitar o medo ao profesorado, explicarlle que precisa supervisión e colaboración pero que pode participar nas actividades como o resto dos nenos e nenas”.

O vogal de Xente Nova, Pablo López, compartiu a súa experiencia persoal desde o primeiro momento de preocupación até que se convenceu “de que se pode facer de todo aínda que cun cambio de vida, hai que facer cálculos, identificar as sensacións… pero ao final hai que ser autónomo, aprender por ti mesmo”, sinalou, ao tempo que recoñeceu o papel de asociacións como Anedia que tenta cubrir a falta de recursos da sanidade pública.

Pola súa parte, a vocal da Coruña, Ana Estrada Santolaria, como nai dun mozo e unha moza con diabetes, trasladou as dificultades que padecen as familias e a necesidade de colaboración e apoio en ámbitos como o escolar, para o que se crean materiais como estes dous volumes dos Bolechas.