
En sanidade e diabetes, hai luces e sombras. Mais tamén hai pasos que nos fan avanzar como colectivo. Galicia conta con ferramentas clave como a historia clínica electrónica e a plataforma TELEA, que están a mellorar moito o seguimento e a calidade de vida das persoas con diabetes tipo 1.
Cando viaxamos fóra e coñecemos outras realidades, valoramos máis o que temos aquí. E tamén todo o que está por chegar.
Un deses avances é o novo sistema de envío a domicilio dos materiais para a diabetes, que xa se puxo en marcha na área de Vigo. Nesta fase, é a quenda do material para as bombas de insulina de Medtronic, algo moi demandado por moitas persoas usuarias.
Este cambio non só facilita a vida das persoas con diabetes e as súas familias, senón que tamén libera de carga administrativa ao persoal sanitario, especialmente ás educadoras en diabetes, que ata agora tiñan que asumir tarefas de almacenamento e distribución. A partir de agora, poderán adicar máis tempo a acompañar e atender ás persoas, que é o máis importante.
En ANEDIA seguimos traballando por un modelo de atención que recoñeza tamén as necesidades das persoas adultas con diabetes tipo 1. Actualmente, un terzo das nosas socias e socios son persoas adultas, e por iso puxemos en marcha iniciativas como COMPARTE +18, pensadas para crear espazos de apoio entre iguais, formación e visibilización desde a experiencia adulta.
Podes ler a nova completa aquí:
Sergas monitoriza remotamente a 3.196 pacientes
Seguimos. Porque a diabetes non remata aos 18. E os avances, tampouco.
#DiabetesTipo1 #ANEDIA #Telea #DiabetesAdultos #Comparte18 #AtenciónIntegral #SanidadePública