Nunca é demasiado tarde para comezar de novo

testimonio diabetes

Algo que me ensinou a diabetes é a non renderme, a buscar un plan b, c, d ou o que faga falta para que a miña saúde e a miña vida vaian da man.

Chámome Claudina, teño 25 anos, debutei como dt1 aos 11 e aínda que pasei por etapas mellores e peores coa miña enfermidade, o cambio total de como a entendía ocorreu hai un ano. En febreiro do 2022 perdín a visión durante uns meses por unha mala xestión da miña enfermidade. Levoume moito tempo recoñecelo e dicilo en alto sen culpa, pero este último ano foi para min unha viaxe para aprender sobre min mesma e síntome orgullosa de poder contar a miña historia.

Algo que me ensinou a miña condición é a non xulgar, a respectar o meu proceso e o dos demais e a ser paciente. Cando falamos de diabetes existen moitas luces e sombras, calquera que viva ou conviva coa diabetes o sabe. Moitas veces xulgamos as accións que toma unha persoa sen coñecer o seu contexto, sen saber se ten axuda ou se sabe mesmo como ou onde pedila.

Hai unha frase que me gusta moito que di que sexamos amables coas persoas, porque non sabemos que batallas están a librar. Creo que se algo agradecemos as persoas con calquera enfermidade crónica é a empatía, é ter unha contorna segura e libre de prexuízos.

Despois de elixir retomar a miña vida, o 2022 non foi só o ano no que perdín a vista, senón tamén o ano no que a recuperei en moitos máis sentidos dos que podería telo imaxinado. Fun mochileira, viaxei sola, fixen deportes de risco, federeime nun equipo deportivo e retomei moitos outros plans que tiña aparcados por medo a que a diabetes me frease.

Algo moi importante para min tamén foi poder acompañar a Anedia durante os campamentos de verán como voluntaria, esa experiencia achegoume un pouquiño máis a coñecervos, permitiume seguir enchendo a miña mochila de aprendizaxes e regaloume amizades e recordos moi valiosos.

Na miña experiencia, poder acceder a terapia foi clave para crear unha relación sa con esta enfermidade, para deixar de sentir culpa e para valorar cada unha das cousas importantes que abandonara por crer que a diabetes o requiría todo de min. É importante atopar persoal médico implicado en planificar e buscar as pautas e os obxectivos que os nosos casos requiren, xa que ás veces cando chegamos á idade adulta a nosa saúde pasa a un segundo plano. Necesitamos atención, necesitamos ser escoitadas e necesitamos que se invista o tempo e os recursos necesarios nunha atención sanitaria pública de calidade.

Todas estas cousas son as que me levaron ata onde estou hoxe, elixindo vivir día a día como unha vitoria coa miña enfermidade, aceptando o proceso con moito amor e respecto por min mesma e polas persoas que me acompañan. Como persoa con dt1, pero tamén como filla, amiga e parella de dt3, quero darvos as grazas a todas as familias que dades o callo día a día: nais, pais, irmáns, avoas, amigas… O voso esforzo non é invisible.

Ningún proceso é lineal, a diabetes pode cambiarnos por completo a vida e é normal que ás veces nos sintamos superadas. Merecemos que se nos escoite e acompañe. Crear unha relación sa coa nosa diabetes é un proceso continuo, pero que se vai dominando co tempo e coa práctica. Merece a pena seguir tentándoo, prométovolo.