
Desde ANEDIA seguimos a traballar pola educación e a inclusión das persoas con diabetes tipo 1. Nesta ocasión, presentamos o Caderno de Actividades de “Amigas e amigos con diabetes”, un novo material educativo e lúdico destinado á infancia.
O Caderno de Actividades de “Amigas e amigos con diabetes” foi presentado na sede da Deputación da Coruña. No acto interviñeron Natividad González, responsable da Área de Cultura da Deputación; María José Rego, presidenta de ANEDIA; e Noemí Sánchez, nai e socia da entidade. Un encontro emotivo e reivindicativo, no que se puxo de manifesto a importancia de contar con materiais accesibles, visuais e normalizadores para achegar a realidade da diabetes á infancia e ao seu contorno.
Este recurso acompaña ao libro ilustrado do mesmo nome, creado en colaboración coa familia máis coñecida da literatura infantil galega, Os Bolechas. Está deseñado para que nenas e nenos, tanto con diabetes como sen ela, aprendan que vivir con diabetes non é un impedimento para levar unha vida activa, plena e feliz.
Que atoparás no caderno?
O caderno contén xogos, debuxos, retos e explicacións sinxelas sobre temas como:
-
O papel do páncreas e da insulina no corpo humano.
-
A importancia dunha alimentación equilibrada.
-
O uso de dispositivos como sensores e bombas de insulina.
-
O recoñecemento dos principais síntomas da diabetes tipo 1.
-
Actividades de colorear, sopas de letras, preguntas e moito máis.
Todo está presentado cun enfoque visual, positivo e integrador, favorecendo a comprensión e o diálogo sobre a diabetes desde idades temperás.
Dous idiomas, dúas versións
-
A versión impresa está dispoñible en galego grazas ao apoio da Área de Cultura da Deputación da Coruña.
-
A versión dixital está dispoñible en galego e castelán, coa colaboración da empresa DEXCOM, especializada en tecnoloxía para a diabetes.
Para quen é?
Este caderno está pensado para ser utilizado:
-
Nas escolas, como ferramenta de apoio para docentes e alumnado.
-
Nas familias, como material educativo e de xogo.
-
En centros de saúde, culturais e sociais, como parte de actividades de sensibilización.
Descárgao ou solicítao
A versión dixital xa estará dispoñible nuns días para descarga libre na nosa web. E se formas parte dun centro educativo ou entidade e queres exemplares en papel, podes contactar connosco para solicitar exemplares físicos (ata fin de existencias).