Historias azuis son dous espectáculos de contos creados por Raquel Queizás en colaboración coa Asociación de nenas, nenos e xente nova con diabetes de Galicia (Anedia), co obxectivo de integrar a diabetes nas escolas.
Todos os nenos e as nenas dende unha idade temperá pasan moito tempo na escola, o centro de educación máis importante despois do fogar. Canto mellor sexa a colaboración entre os pais e nais e o profesorado, mellor será a evolución na infancia de quen vive con diabetes tipo 1.
Canto máis se fale da diabetes máis normal lles parecerá e axudará a eliminar prexuízos. Medrar cunha doenza crónica como a diabetes de tipo 1 non debe ser un freo para o seu desenvolvemento. Tamén durante a infancia, quen ten diabetes pínchase para facer os controis de glicemia, inxéctase insulina e leva unha alimentación sa, pero ante todo é un neno ou unha nena coma os demais.
Este neno ou nena convive na clase cun grupo que, na maioría dos casos non saben nada da diabetes de tipo 1 e para quen as picadas, as plumas ou as bombas de insulina e os medidores son obxectos estraños. Sen esquecer as emocións causadas pola súa diabetes ás que se deben enfrontar. Ou os síntomas dunha hipoglicemia ou unha hiperglicemia que non só afecta á nena ou neno con diabetes senón tamén ao resto do alumnado da aula e educadores.
Este proxecto permite dar a coñecer a diabetes dunha forma lúdica e educativa. Pretende facer fincapé nas emocións e nos estados de ánimo que suscitan tratar esta realidade. A educación emocional é moi importante.
Queremos unha infancia feliz, nenos e nenas que sexan boas persoas, que se sintan ben consigo e coa xente que os rodea. Queremos unha infancia que saiba expresar non só contidos senón tamén emocións.
A información será presentada de forma lúdica a través de dous espectáculos de contos adaptados á idade das nenas e nenos.
“Non nos deixamos vencer pola diabetes, enfrontámonos a ela xuntos”.
Este proxecto non só estará presenste no mes de Novembro senón tamén en Xaneiro do 2023, porque a nosa contadora favorita non ten máis dispoñibilidade.
Para este proxecto contamos coa axuda do Concello de A Coruña, Concello de Ames, Concello de Boiro, Concello de Ribeira, Concello de Pontevedra, Deputación da Coruña e Deputación de Pontevedra.