#euquedonacasa


Anedia

Son días difíciles para todas as familias, sen excepcións.
Medos e preocupacións por algo que non podemos ver nin tocar, reorganización para intentar evitar o caos, e nas familias que vivimos con diabetes tipo 1, tanto sexa nos nosos fillos e fillas coma nos adultos, toca tamén reaxuste.
Un dos piares do tratamento en diabetes consiste en adaptalo ao noso ritmo de vida, deporte, estudos, traballo,… e todo iso sufreu cambios considerables dende o xoves.
De repente (con sorte) quedamos confinados na casa, con actividades moi diferentes,  e tendo que reaxustar as doses de insulina, intentando establecer novas rutinas, e vixiando os posibles síntomas que indiquen a presencia do virus ou calquera outro problema de saúde.
Outros terán que ir traballar, as veces con turnos máis amplos, que van supoñer máis esforzo e sobre todo moita máis tensión que imos acumulando. E intentando dentro do posible tomar medidas de prevención.
Dende ANEDIA temos que parar as nosas actividades externas, pero coma sempre aquí estaremos se precisades axuda, axuda de moitos tipos: algún problema ou duda ca tecnoloxía, axuda a reaxustar racións, porque pode ser un bo momento para repasar ese cálculo de hidratos que se nos resiste, e para o que nunca temos tempo. Podemos intentar agora nun entorno controlado, revisar as pautas e ratios, sen factores externos.Ou probar algunha receta desas que teñen unha pinta excelente e poucos hidratos, pero que non probamos porque non tiñamos tempo. Ou simplemente se precisades un pouco de apoio, ter outra persoa ca que falar un rato, de hidratos e de medos, de insulinas e de soños, do que queirades,…. así que non dubidedes en poñervos en contacto con nós.
As redes están cheas de recursos compartidos nestes días, de contacontos, de visitas virtuais a museos, propostas de xogos e actividades, e de moitos libros.
Nos tamén queremos deixar a nosa colaboración, como un pequeno agasallo, o noso primeiro libro dos Bolechas, Os Bolechas saben o que é a diabetes.
Libro que podedes conseguir en papel a través de ANEDIA, pero que vos deixmos aquí en formato pdf para poder compartilo con todos neste días.

Por ti, por todos   #euquedonacasa