
En diabetes, cada día é un desafío. Por iso a xornada Desafíos en Diabetes en Vigo era tan necesaria. Para todas e todos: pacientes, coidadoras, homes, mulleres, xente nova e adulta.
Seis poñentes e catro testimonios compartiron emocións, aprendizaxes e moita forza. Saímos coa enerxía renovada e co sistema inmune “activado”, como nos explicou Mario Rivas.
Falamos da necesidade de incorporar psicólogos aos equipos e de que os hospitais nos vexan como persoas, non só como datos.
Karla e Rocío déronnos claves reais sobre alimentación. En diabetes, non hai alimentos prohibidos: hai que aprender a decidir, con boa base e bos profesionais.
Arantxa, Antonio, Rosa e David emocionáronnos coas súas historias. Fixeron que o café fose máis ca un descanso: foi conversa, foi terapia.
María Alonso, psicóloga e persoa con diabetes, falou da relación (ás veces complicada) coa comida e de como pode condicionar a nosa vida.
Vanesa, enfermeira educadora e tamén persoa con diabetes, compartiu a súa experiencia persoal co embarazo. Reivindicou que nas consultas se atenda á persoa, non só aos números.
María José Picón pechou a xornada falando de muller e diabetes, máis alá do embarazo, e puxo o foco no sesgo de xénero que segue presente nas consultas.
A xornada pasou voando, pero deixounos ideas para pensar, ferramentas para avanzar e moitas ganas de seguir como colectivo.
Grazas aos poñentes, voluntarios, institucións e empresas que o fixeron posible. Porque os desafíos seguen aí. E nós tamén.
Un proxecto que non sería posible sen a colaboración e soporte de: Concesionaria do Novo Hospital de Vigo, @makingdiabeteseasier_es – Air Liquide, @prosaga_90 – PIC , @ypsomed , @abbottglobal , FFL- @fcofdezlijo
Grazas tamén a @vigosergas pola súa colaboración e soporte.
#DesafíosEnDiabetes #DiabetesGalicia #ANEDIA #VisibilizarÉAvanzar