
O pasado sábado vivimos en Vigo unha xornada moi especial. Máis de 120 persoas con diabetes, familias e profesionais sanitarios reunímonos no Hospital Álvaro Cunqueiro para compartir coñecementos, experiencias e ferramentas prácticas que nos axudan a afrontar con máis seguridade e confianza os desafíos que a diabetes nos presenta cada día.
Ao longo da mañá tivemos a oportunidade de aprender da man de grandes referentes en diabetes como Belinda Lozoya, Serafín Murillo, Rocío García-Viso e Iñaki Lorente, que abordaron temas tan importantes como a tecnoloxía, a alimentación, a maternidade e a saúde emocional. Tamén contamos coa participación de Iris Cabaleiro e Manuel Avelino Penín, profesionais da Área Sanitaria de Vigo, que compartiron a súa visión e os retos que afrontan cada día desde a práctica clínica.
A xornada rematou cunha mesa redonda na que puidemos dar resposta a moitas das preguntas enviadas polas persoas asistentes, nun espazo próximo e participativo que reflectiu perfectamente o espírito deste encontro.
Mentres tanto, máis de 20 nenos e nenas participaron nas actividades de conciliación organizadas por ANEDIA, incluíndo unha visita á horta do Hospital Álvaro Cunqueiro e actividades na ludoteca.
Desde ANEDIA queremos dar as grazas de corazón a todas as persoas e entidades que fixeron posible esta xornada.
Aos nosos poñentes, por compartir o seu coñecemento, a súa experiencia e a súa proximidade.
Ao Hospital Álvaro Cunqueiro e á Área Sanitaria de Vigo, e de maneira especial a Javier Puente, por abrirnos as portas e apoiar esta iniciativa desde o primeiro momento.
Ás entidades patrocinadoras e colaboradoras, cuxo compromiso coas persoas con diabetes nos permite seguir organizando actividades deste nivel.
A todas as persoas asistentes, por acompañarnos e participar
E, por suposto, ao noso equipo de voluntariado, que unha vez máis demostrou que ANEDIA é moito máis ca unha asociación: é unha gran comunidade.
Porque a diabetes desafíanos cada día, pero cando compartimos coñecemento, experiencia e apoio, eses desafíos afróntanse con moita máis confianza.
💙 Grazas por formar parte de ANEDIA.