ATTD 2026: innovación, información e acceso na diabetes.


A semana pasada celebrouse en Barcelona a @attdconference (Advanced Technologies & Treatments for Diabetes), un dos principais congresos internacionais no ámbito da tecnoloxía aplicada á diabetes. Trátase dun espazo de referencia onde se presentan os avances que marcarán o futuro da atención e do manexo da enfermidade nos próximos anos.

Como adoita ocorrer neste tipo de encontros, moitas das innovacións presentadas aínda tardarán tempo en chegar á práctica clínica habitual. Aínda así, permiten identificar claramente cara onde se dirixe a investigación e o desenvolvemento tecnolóxico, así como as prioridades da industria e dos equipos científicos.

Desde ANEDIA seguimos con interese este tipo de eventos, sendo conscientes de que, como persoas con diabetes e como entidade de pacientes, convivimos cunha realidade complexa: mentres a innovación avanza a gran velocidade, a súa chegada efectiva ás persoas é máis lenta e, en moitos casos, desigual.

Neste contexto, consideramos fundamental reforzar dous aspectos clave.

Por unha banda, a información. As persoas con diabetes toman decisións de maneira continua ao longo do día, polo que resulta imprescindible contar cun coñecemento adecuado tanto das tecnoloxías que utilizan como das que están por vir. Só desde a información é posible tomar decisións responsables, seguras e adaptadas a cada situación.

Por outra banda, o acceso. A incorporación de novos sistemas, como Tandem Mobi ou Omnipod, non depende unicamente do desenvolvemento tecnolóxico. Existe un proceso complexo que inclúe avaliacións, decisións de financiamento e implementación nos sistemas sanitarios, que condiciona de maneira directa cando e como estas ferramentas chegan realmente ás consultas e ás persoas.

Comprender este proceso permite entender mellor as inequidades existentes no acceso á tecnoloxía, pero tamén visibilizar o traballo que se realiza para reducir estas diferenzas.

Porque o futuro da diabetes non se constrúe unicamente nos congresos
Constrúese tamén nos espazos onde se toman decisións

E é nese ámbito onde ANEDIA continúa traballando, representando ás persoas con diabetes e defendendo un acceso equitativo á innovación.