ANEDIA participa no 10º Encontro Nacional de Pacientes do Foro Español de Pacientes


Esta semana, ANEDIA participou no “10º Encontro Nacional de Pacientes. Nuestra Voz en 2026”, organizado polo Foro Español de Pacientes, entidade da que formamos parte activa.

Trátase dun dos principais espazos de encontro do movemento asociativo a nivel estatal, no que se abordan cuestións clave para o presente e o futuro das persoas con enfermidades crónicas, incluída a diabetes.

Ao longo da xornada tratáronse temas de gran relevancia, como o papel das asociacións de pacientes no sistema sanitario, os retos actuais en materia de participación e representación, así como os avances necesarios para garantir unha atención máis equitativa e centrada nas persoas.

Un dos aspectos máis destacados do encontro foi a reivindicación dunha lei de asociacións de pacientes real, efectiva e estruturada, que permita recoñecer e fortalecer o papel destas entidades dentro do sistema sanitario. Tal e como se puxo de manifesto, resulta fundamental avanzar cara a un marco normativo que garanta a participación activa das persoas pacientes na toma de decisións que afectan á súa saúde.

Desde ANEDIA consideramos clave formar parte destes espazos, que non só permiten coñecer as liñas de traballo que se están a desenvolver a nivel estatal, senón tamén compartir experiencias, identificar necesidades comúns e reforzar o papel do movemento asociativo.

A diabetes, como moitas outras condicións crónicas, require non só avances clínicos e tecnolóxicos, senón tamén estruturas sólidas de apoio, representación e participación.

Por iso, seguiremos traballando activamente dentro do Foro Español de Pacientes e noutros espazos de diálogo, contribuíndo a que a voz das persoas con diabetes estea presente onde se definen as políticas de saúde.

Aquí vos deixamos o enlace para poder velo: ENLACE