
Un dos aspectos máis importantes que traballamos no Campamento de Verán de ANEDIA é a aprendizaxe real e práctica sobre como xestionar a alimentación convivindo coa diabetes tipo 1.
Saber que comer, cando facelo e como adaptar a alimentación ás necesidades de cada momento é clave para vivir coa diabetes de forma autónoma e segura. En determinadas situacións, especialmente cando non se poden consumir hidratos de carbono, contar cunha boa fonte de proteínas é fundamental para manter o equilibrio sen comprometer o control da glicemia.
Este ano contamos cunha colaboración moi especial: @conservas.friscos, que nos fixo chegar unha selección dos seus produtos —conservas galegas de alta calidade— que empregamos en momentos como as recenas ou para completar comidas cun extra de proteínas.
Ademais de seren un recurso nutricional útil, tamén nos permitiron poñer en valor os produtos de proximidade e ensinarlles aos e ás participantes que unha alimentación saudable, segura e práctica tamén pode ser saborosa e do noso territorio.
Desde ANEDIA queremos dar as grazas a Conservas Friscos pola súa xenerosidade e por sumarse a este proxecto que, como a insulina lenta, vai facendo efecto pouco a pouco e deixa pegada en cada persoa que participa.
Grazas por axudarnos a facer realidade este campamento!

#CampamentoANEDIA #SomosTipo1 #DiabetesReal #EducaciónEnDiabetes #AlimentaciónSaudable #Galicia