A educación en diabetes segue sendo a prioridade.


 Comezamos este 2026 falando de cribados, autoanticorpos, teplizumab e ensaios clínicos.
Falamos de avances científicos, de innovación e de futuro.
Pero desde ANEDIA temos claro que non podemos esquecer o máis importante.
A educación en diabetes.

Pode parecer que este é un debate xa superado, pero a realidade demostra que non é así.
Segue faltando persoal formado nas consultas.
Segue faltando tempo.
E sobre todo segue faltando tempo de calidade para a formación de persoas con diabetes e das súas familias e coidadores.

A educación en diabetes non é un complemento.
É unha ferramenta esencial para a autonomía, a seguridade e a calidade de vida.
É clave para tomar decisións informadas, previr complicacións e convivir coa enfermidade no día a día.

Por iso, aínda que desde ANEDIA traballamos tamén noutros obxectivos fundamentais como a innovación terapéutica, a detección temperá ou a participación das persoas pacientes nos procesos de decisión, a educación segue sendo unha das nosas principais prioridades.

No 2026 non podemos permitirnos unha educación do século pasado.

A realidade da diabetes cambiou.
As tecnoloxías cambiaron.
As necesidades das persoas tamén.
E a educación ten que avanzar ao mesmo ritmo.

Educación tamén é cultura, convivencia e comunidade.

A educación en diabetes non se limita ás consultas nin ás aulas.
Constrúese tamén en espazos compartidos, en experiencias colectivas e en actividades que fomentan o coñecemento, a convivencia e o apoio mutuo.

Neste contexto enmárcase a nosa visita á illa de Sálvora dentro do Plan Cultural de ANEDIA, en actividades realizadas en 2025 coa colaboración de Cultura da Deputación da Coruña e no marco do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Un exemplo máis de que educar tamén é compartir, crear vínculos e vivir a diabetes fóra dos espazos sanitarios tradicionais.

As fotografías que acompañan esta publicación corresponden a Pichero Estudio Fotográfico, ás que agradecemos a súa mirada e sensibilidade para captar estes momentos.

Desde ANEDIA seguiremos traballando para que a educación en diabetes sexa actual, accesible e adaptada ás necesidades reais das persoas.
Porque educar é coidar.
E porque sen educación non hai avance real.