Medrando con diabetes 2026

Medrando con Diabetes 2026: investigación, tecnoloxía e persoas para construír o futuro da diabetes tipo 1

O próximo 24 de outubro, Santiago de Compostela volverá converterse no punto de encontro da comunidade da diabetes en Galicia coa celebración dunha nova edición de Medrando con Diabetes, unha iniciativa de ANEDIA que reunirá persoas con diabetes tipo 1, familias, profesionais sanitarios, investigadores e representantes das administracións para falar do presente e do futuro da diabetes.

Medrandonace coa vontade de conectar coñecemento, experiencia e innovación. Queremos crear un espazo no que pacientes, familias e profesionais poidamos aprender uns dos outros, coñecer os últimos avances e reflexionar sobre os retos que temos por diante.

Ao longo da mañá abordaremos cuestións clave para a vida das persoas con diabetes tipo 1:

  • O impacto das emocións e da saúde mental no control da diabetes.
  • A detección precoz da diabetes tipo 1 e os programas de cribado familiar.
  • Os avances da investigación europea e as oportunidades para participar en ensaios clínicos.
  • As novas tecnoloxías aplicadas á diabetes e a súa influencia na autonomía e na calidade de vida.
  • Os retos actuais da atención sanitaria ás persoas con diabetes en Galicia.

Para iso contaremos coa participación de referentes como Mario Rivas, psicólogo, enfermeiro educador en diabetes e profesor da USC; as doutoras Paloma Cabanas e Iris Cabaleiro, integrantes do grupo galego de endocrinoloxía pediátrica PEDIAGAL; Mónica Queipo, representante da rede europea INNODIA; e a endocrinóloga Beatriz Mantiñán, especialista en tecnoloxía aplicada á diabetes, entre outros profesionais e investigadores.

Mesa de debate: do coñecemento á acción

A xornada rematará cunha mesa de debate na que profesionais, investigadores, representantes da administración sanitaria e pacientes compartirán visións sobre os retos da atención á diabetes tipo 1 en Galicia.

Un espazo pensado para converter o coñecemento en propostas e seguir avanzando cara a unha atención cada vez máis centrada nas persoas.

Información práctica

📅 24 de outubro de 2026

📍 CERSIA Empresas – Santiago de Compostela

✅ Actividade gratuíta

✅ Aberta a persoas con diabetes, familias, profesionais sanitarios e público interesado

✅ Inscrición en: ENLACE

Información nos números 📞 644 97 14 54 e 📞 644 31 95 95

Medrando Junior

Mentres se desenvolve a xornada, os máis novos tamén terán o seu espazo.

     

Medrando Junior ofrecerá actividades específicas para nenos, nenas e adolescentes con diabetes, fomentando a convivencia, o apoio entre iguais e a adquisición de habilidades para gañar autonomía no día a día. INSCRIPCIÓN

Porque aprender a convivir coa diabetes tamén é compartir experiencias con outras persoas que viven situacións similares.

 

A diabetes cambia. Nós tamén.

A investigación avanza, a tecnoloxía evoluciona e as necesidades das persoas con diabetes seguen transformándose. Por iso é tan importante crear espazos onde pacientes, familias e profesionais poidamos encontrarnos, aprender e construír futuro xuntos.

Agardámoste en Medrando con Diabetes 2026. 💙

Scroll ao inicio